…escoitaríamos 100 billóns de voces, tantas como bacterias hai no noso interior.
Aínda que soe algo escatolóxico seguramente non pedirían que as meteran nun banco de feces para conservalas. Iso dos bancos é cousa dos humanos. O que si pedirían é que as deixaramos vivir.
Unha extinción silenciosa
Cada pouco almorzamos coa perda dalgunha especie que lle dá vida a este planeta.
Plantas e animais van desaparecendo do noso planeta cada vez máis rápidamente.
Hai tempo que sabemos do “síndrome do parabrisas” por aquelo de que cada vez hai menos insectos que atropelar cos nosos coches cando conducimos no verán.
Parece que si, que cada vez hai menos diversidade e que o espazo que deixa unha especie cando desaparece é ocupado por outra máis oportunista.
Agora tocoulle o turno ás nosas bacterias intestinais e a outras moitas que viven sobre a nosa pel e as nosas mucosas; a chamada microbiota humana que tamén a estamos perdendo.
Un banco de feces?
Algúns humanos tiveron a curiosa idea de conservalas antes de que se extingan. Por elo, varias universidades e centros de investigación do mundo decidiron facer un banco mundial de feces e outros materiais biolóxicos á espera de descubrir no futuro o seu papel na nosa saúde. Pensan facelo en Suíza pero ben podería ser na Patagonia ou en Groenlandia.
Aínda que o pareza, non é unha iniciativa tan extrana xa que está inspirada no banco de sementes que hai en Suecia con máis de 1,1 millón de especies vexetais de 118 países conservadas en frío das cales moitas xa non están entre nós.
Sendo sarcástico diría que ao igual que sucede cos bancos, a desaparición dalgunha das nosas bacterias produce un efecto dominó sobre outras coas que está vitalmente conectada.
A saúde das nosas bacterias é a nosa saúde
Por que tantas molestias, recursos e enerxía en conservar unha comunidade bacteriana formada por máis de 100 billóns de microorganismos que viven no noso interior e que unha parte delas vanse polo WC todos os días?
A resposta cada vez é máis clara; porque sen elas a nosa saúde está comprometida.
A ausencia dalgunha destas bacterias e o desequilibrio poboacional está relacionado con enfermidades que van en aumento na sociedade actual.
Dende a obesidade ata o diabete pasando polo TDAH, o espectro autista, algúns tipos de cáncer, asma, esclerose e a maioría das enfermidades inflamatorias.
Sábese que esta gran comunidade bacteriana ten liña directa co noso cerebro e actúa coma un auténtico sistema inmune e endocrino. Será por iso que hai 100 veces máis bacterias no noso intestino que células temos. Non hai lugar no noso planeta no que haxa máis densidade bacteriana.
E todo o coñecemento humano só sabe o papel que xogan o 1% de todas elas!!!
Por que están desaparecendo?
O chiste fácil sería dicir que marchan polo WC. E se ben é certo, non é menos certo que se reproducen moi rápido.
Hai 1.000 especies distintas en armonía nun intestino san. A orquestra comeza a desafinar cando cada especie non está no lugar que lle corresponde nin no número que debería estar.
Todas as investigacións indican que hai 3 causas principais que provocan esta situación: a alimentación industrial, os antibióticos e as cesáreas.
Cada unha delas supuxo un adianto para a humanidade no seu momento pero a especie humana aínda non evolucionou o suficiente para saber xestionar adecuadamente os avances tecnolóxicos e, como todo nesta vida, teñen efectos secundarios.
A falta de verduras e froitas frescas na nosa dieta xunto co abuso de alimentos cociñados, procesados e ultraprocesados fai que moitas das bacterias beneficiosas non estean presentes no seu territorio e o seu lugar sexa ocupado por outras oportunistas que deberían estar noutro sitio. Unha vez rota a armonía e colonizado un asentamento por quen no debería é moi difícil botalas de alí. Fanse fortes nos territorios ocupados.
Os antibióticos son coma bombas. Unha vez as fas explotar matan todo o que se atopan polo camiño. Non distinguen bandos e todas elas perecen. A colonización posterior soen facela as bacterias máis brabuconas e a sinfonía xa non soará igual.
As cesáreas foi outro avance da sanidade e salva moitas vidas e evita complicacións pero ten un efecto secundario non desexado; que a nena ou neno que nace por outro lugar que non é o canle do parto non entrará en contacto coas bacterias da nai e o seu intestino deshabitado non se poboará adecuadamente.
Estes intestinos desafinados danse con maior proporción en países industrializados e en entornos urbanos. Algo bo tiñan que ter os países máis ruralizados!!!
Seguindo a liña escatolóxica chegamos a unha situación na que se está a ver como solución plausible o transplante de feces. Pero esta solución terá que vencer moitos prexuizos e ver o noso intestino con outros ollos.
Entre tanto sería boa cousa que trataramos de vivir en armonía coa natureza e con nós mesmos. Ese concepto entendíano ben os nosos antepasados, eses que vivían no rural.